Demo

Premio Xiria ao labor teatral a Cándido Pazó

  • Procedencia: Galiza

CANDIDO PAZÓ

A comisión organizadora da XXXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas decidiu conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral ao actor, director, contacontos e dramaturgo, Cándido Pazó, pola súa fecunda traxectoria profesional e polo seu excepcional labor como narrador oral e dramaturgo, convertendo a oralidade popular nunha linguaxe propia, estilizada e universal.

Nacido en San Paio de Navia (Vigo) en 1.960, director, autor teatral, actor e narrador oral, foi o benxamín da xente de teatro que xurdiu ou que se deu a coñecer arredor das históricas Mostras de Ribadavia. 

Como autor ou como director, ou as dúas cousas a un tempo, ten estreadas numerosas pezas, entre as que destacan: O Melro Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil en 1989) Commedia, un xoguete para Goldoni (Premio Compostela en 1993, Premio de la Crítica del País Valenciano en 1994 e Premio da Asociación Independente de Teatro de Alicante en 1995), Nano (Premio María Casares á Mellor Dirección e Premio María Casares á Mellor Adaptación, partillado, en 1999), O bululú do linier (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal no 2000), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2002), Bicos con Lingua, con outros autores (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2004), García (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2005), Emigrados, con outros autores (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2008), A piragua (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2008), As do Peixe (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2014), A casa do avó (Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil en 2015), O tolleito de Inishmaan  (Premio María Casares á Mellor Adaptación en 2017) ou Memorias dun neno labrego, espectáculo unipersoal estreado en 2011, no que é tamén actor, e que leva máis de 170 funcións a día de hoxe, continuando en cartel na actualidade.

Ten dirixido ou escrito (obra orixinal, adaptación ou tradución) para compañías como Teatro do Malbarate, Teatro do Noroeste, CDG, Teatro de Adro, Teatro do Atlántico, Teatro de Ningures, A Escola da Noite de Coimbra ou Canadayr Théâtre de Bruxelas. Colabora asiduamente, nas súas funcións de autor ou director, con Talía Teatro e Títeres Tanxarina. Foi fundador, así como director de escena e autor títular, de compañías como Tranvía Teatro, Ollomoltranvía, Abrapalabra ou, na actualidade, Contraproducións.  

No ano 2000 fixo parte dos autores escollidos na Maratón Europea da Creación Teatral celebrada en Bruxelas pola súa Capitalidade Europea da Cultura.

Do ano 2000 ao 2008 foi profesor visitante na Escola de Música e Artes do Espectáculo do Porto.

Desde 1997 é narrador oral, estando presente en numerosas programacións de contos e monólogos cómicos de Europa, África e América Latina.

Cunha vida profesional e creativa centrada basicamente no ámbito das artes escénicas, a súa presenza no audiovisual concrétase en pequenas e esporádicas participacións como actor en cine e televisión ou como guionista en series como Pratos Combinados ou Mareas Vivas. 

Como recoñecemento á súa traxectoria no ano 2014 recibiu o Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia (Premio “Roberto Vidal Bolaño”) e o Premio da Cultura Galega no apartado de Artes Escénicas.