Demo

Pregón inaugural por TATÁN

  • Procedencia: Galicia

Eduardo Rodriguez Cunha, TATÁN.

Son Tatán, titiriteiro, actor e cantante de profesión, fillo de Carmen e Santiago e neto de Dona Antonia, todos eles republicanos. 

Levo adicado á farándula dende os anos 80, sen contar cos comezos alá polo ano 1.975 cando, en Compostela, creamos a Compañía PEPA LOBA nos meus tempos universitarios e de militancia no movemento comunista. Teatro  reivindicativo do que non renego xa que grazas a el aprendín a respectar a homes e mulleres e a denunciar as inxustizas.  Naquela altura, en Redondela, participei  no colectivo teatral CIRIGAITA. Foron tempos. Despois pasei polo Institut del Teatre de Barcelona onde aprendín a construír e manexar marionetas de fíos. Á volta fundei TANXARINA, no ano 1.983, e ata hoxe. 

E van 35 anos, os mesmos que a Mostra. 

O mundo do actor e o títere. Preto de 20 espectáculos con marionetas de fíos, de mesa, siluetas animadas, sombras chinesas, teatro de rúa… E, polo medio, o cine, como actor secundario nunhas 13 películas e intervencións esporádicas en series de tv. 

Participei activamente no festival Internacional de Títeres de Redondela. E, por suposto, no Teatro con letras grandes da man de PRODUCIÓNS TEATRAIS DO SUR con TEATRO DO MORCEGO e TEATRO DE NINGURES  nos anos 90.  

Máis de 40 anos adicados ás profesións que máis quero: O TEATRO, OS TÍTERES E A MÚSICA. Agora son pregoeiro porque a dirección da Mostra de Cangas así o quixo, así que: “querido público, amigos, parentes e coñecidos, benvidos, benvidas pasen e vexan póñanse comodos porque a función vai comezar!!!”.