Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

novas
  • MITCFC
  • Novas
  • O CCG e a Xunta realizarán o informe sobre a realidade sociolaboral da muller no sector impulsado pola AAAG, AGA, Escena Galega e a Mostra de Cangas

O CCG e a Xunta realizarán o informe sobre a realidade sociolaboral da muller no sector impulsado pola AAAG, AGA, Escena Galega e a Mostra de Cangas

O Consello de Cultura Galega (CCG) e a Xunta de Galicia colaborarán na elaboración dun informe sobre as condicións sociolaborais da muller no sector cultural, prestando especial atención ao ámbito das artes escénicas e audiovisuais. Así quedou recollido nun acordo de colaboración institucional asinado o pasado martes polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do CCG, Ramón Villares.

A sinatura deste convenio culmina ao fin o longo proceso no que estiveron implicadas nos dous últimos anos a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual (AGA) e a Mostra de Cangas, que en múltiples reunións coa secretaria de Igualdade, Susana López Abella, coincidiron tanto na necesidade de abordar e analizar a realidade sociolaboral da muller nas artes escénicas e no audiovisual coma no compromiso destas catro entidades en colaborar e impulsar un estudo sociolóxico con perspectiva de xénero. Tal compromiso foi asumido e celebrado por López Abella, quen durante a Mostra Internacional de Teatro de Cangas (MITCFC) de 2016 anunciou no marco das xornadas Mulleres en Acción a elaboración deste informe.

Ano e medio despois deste anuncio, chegou finalmente a sinatura deste acordo por parte de Alfonso Rueda, Ramón Villares e Román Rodríguez nun acto no que tamén asistiron como testemuñas outros cargos da administración pública como son o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, ou a propia secretaria de Igualdade, Susana López Abella.

E malia que a comunicación institucional desenvolvida pola Xunta de Galicia obviou tanto a participación das asociacións profesionais no impulso deste estudo coma a presenza das súas representantes no propio acto de sinatura, as devanditas entidades do sector das artes escénicas e audiovisuais estiveron presentes na sinatura do acordo de colaboración. A presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, e a vogal da AAAG, Laura Míguez, xunto á presidenta de Escena Galega, Belén Pechel; o presidente da AGA, Carlos Ares; a vicepresidenta da AGA, Tamara Canosa, e a directora da Mostra de Cangas, María Armesto, acudiron ao acto.

O informe

O informe anunciado contará cun prazo de doce meses de elaboración e tomará como base estudos e informes cos que xa conta o Consello da Cultura. O obxectivo pasa por que este organismo desenvolva unha análise exhaustiva sobre a realidade sociolaboral da muller na cultura galega dende a perspectiva estatística completándoa cunha investigación cualitativa. Nesta liña, farase unha explotación estatística da Mostra Continua de vidas laborais e realizaranse un conxunto de entrevistas co formato de historia de vida a persoas que nalgún momento mantiveron ou manteñen na actualidade unha actividade profesional relacionada coa cultura, especialmente dentro do ámbito das artes escénicas e do audiovisual.