Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

novas
  • MITCFC
  • Novas
  • 'Incendios', a gran actuación do teatro amador de Cangas

'Incendios', a gran actuación do teatro amador de Cangas

O movemento teatral de Cangas, conformado por compañías profesionais, grupos escolares e afeccionados, asociacións culturais e veciñais e un público activo que ten no teatro unha das súas prioridades de ocio, forneceu a creación dunha Escola Municipal que estabilizase e consolidase a relación Cidadanía-Teatro. A EMAEC, pola que xa pasaron 300 alumnos, nace no 2008 co obxectivo de achegar o coñecemento da práctica teatral e mostrar ao público ese traballo coa posta en escena de obras interpretadas polo alumnado, da man do equipo pedagóxico, técnico e artístico de Teatro de Ningures. 

Un ano máis, a 34 Mostra de Teatro de Cangas tivo un oco moi especial para este teatro. Nesta ocasión, o Auditorio acolleu a obra 'Incendios', cun amplo reparto actoral conformado por Anabel Budiño, Estevo Lemos, Iria de Pazos Bugarín, Sócrates Perez, Alex Rodriguez, Roberto Montes, Rosa E. Gantes, Ángeles Menduiña, María Fernandez, Ana Iglesias, Bárbara Barcia e a colaboración especial de Lois Soaxe como Nihad.

Os incendios arrasan toda vida e mudan a normalidade cotiá de paisaxes ou vidas, e deixan en carne viva as súas entrañas ate entón ben recubertas.

Aquí fálase de tres incendios vitais: o de Nawal (a nai), que nos pon diante dunha vida agochada de procuras fallidas e de activismo; o de Jeanne (a filla), capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade, e o de Simón, que nos enfronta cuhna vida que tamén arrasa inseguridades. E ao remate, o gran incendio, o que arrasa con todo, o que nos leva á desolación e o silencio. Ate que todo é barrido pola chuvia.