Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

novas
  • MITCFC
  • Novas
  • Víctor Duplá: “O teatro é o medio no que máis cómodo me sinto. É máis libre”

Víctor Duplá: “O teatro é o medio no que máis cómodo me sinto. É máis libre”

O actor e director Víctor Duplá leva case unha semana impartindo un obradoiro de interpretación para actrices e actores en Cangas. Dende o luns 3 de xuño, e durante cinco horas ao día, afronta o reto de axudar a descubrir a un grupo de actrices e actores como é a estrutura mental das personaxes que deben interpretar: Como pensan, como se relacionan coas súas emocións, co seu instinto, co intanxible ou espiritual, como se moven, cales son as súas virtudes e os seus defectos, as súas luces e sombras. 

Víctor Duplá, que se formou na Escola de Arte Dramática de Santander e na Escola Internacional do Actor Juan Carlos Corazza (1999-2004), traballou como actor en teatro, cine e televisión. Dos alumnos cos que leva case unha semana traballando en Cangas destaca a súa “entrega e xenerosidade”. Son un grupo que teñen “talento e ganas de aprender a raudales”. 

Foi dirixido por Juan Mayorga, Sergio Peris-Mencheta, José Martret, Jorge Coira e Carlos Saura, entre outros. Actualmente, compaxina o traballo de actor co de director, coach e profesor de interpretación. Duplá explica que chegou ao mundo da ensinanza interpretativa un pouco facendo “do defecto virtude”. Recoñece que o seu carácter “introvertido e observador” facía que puidese resultar, a priori, difícil atopar papeis que se adaptasen a el. Sen embargo, ese pequeno inconvinte para estar enriba dos escenarios, esa falta de vaidade, supón un gran activo para asesorar a interpretación teatral. “Gústame mirar o mundo desde fóra e iso fai que teñas un plus á hora de observar e axuda a transformar calquera cousa da vida en algo creativo”, engade.

Aínda que tocou case todos os paus, sen dúbida Duplá, como actor e director, é un home de teatro. En primeiro lugar, “porque é o medio no que empecei e no que máis cómodo me sinto”. Ademais, afirma que o teatro ten máis capacidade de crear e “estás menos condicionado por un equipo e por factores externos”. “No teatro tes máis poder, no sentido creativo. Es dono do teu proceso. Máis libre”, explica.

Aínda que xa coñecía Cangas, porque estivo na vila hai catro anos coa obra “Tempestad”, estes días tivo a oportunidade de percorrela e gozala máis a fondo. “Encántame e síntome coma na casa, porque me lembra moito a Santander”, a súa cidade natal. De Cangas sorpréndelle, sobre todo, a súa grande afección polo teatro e incluso destaca que, dos actores galegos que coñece, moitos deles proveñen desta vila e da comarca do Morrazo.

Víctor Duplá considera que, hai anos, a raíz das crises económicas, producíronse cambios importantes no mundo do teatro. “As crises provocaron un certo revulsivo. Unha pequena limpeza de vellos costumes que axudaron a crear novos formatos”. “Algo morre para renacer”, asegura.

Ademais de polas numerosas obras de teatro nas que participou desde o ano 1998,Víctor Duplá también actuou en series de televisión como Pazo de Familia (TVG), El Ministerio del Tiempo (TVE), La Embajada (Antena 3), Serramoura (TVG), Carlos V, Rey Emperador (TVE) e Hospital Real (TVG), entre outras.