Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

novas
  • MITCFC
  • Novas
  • 'Río Bravo', gargalladas do lexendario oeste

'Río Bravo', gargalladas do lexendario oeste

Chévere nunca defrauda. O sábado pola noite, o Auditorio de Cangas quedouse pequeno para acoller a centos de amantes do teatro que non querían perderse a estrea absoluta na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festiv de Cangas de 'Río Bravo', a mítica obra da compañía galega reversionada en 2017 para conmemorar o seu 30 aniversario. As gargalladas no ateigado auditorio morracense non deixaron de escoitarse dende o primeiro momento. En escena grandes actrices e actores galegos que demostraron a súa mestría: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, Marcos Ptt Carballido, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián.

Rio Bravo estreouse en 1990 no Teatro Principal. Foi o cuarto espectáculo de Chévere. Unha condensación magnífica dese espírito rebelde e desa actitude gamberra e irreverente coas que a compañía se presentara en sociedade. Río Bravo superou todas as expectativas, chegou a públicos de todas as idades, de aldeas, vilas e cidades, de Galicia, do resto da Península e mesmo Brasil. En tres anos acadou as 180 funcións e os 25.000 espectadores. Un fenómeno teatral que se repetiu en 2002, cando se fixo un remake para celebrar o 15 aniversario de Chévere, que foi estreado na Sala Nasa cun equipo renovado.

Río Bravo é un musical trepidante que esgota por fin os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se atopou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade. Esta é unha revisitación do mito. Río Bravo está no mesmo sitio. Non mudou de ubicación nin de apariencia. Os personaxes, os ambientes, a aventura, en definitiva, segue sendo a mesma. E algúns dos que a fan posible tamén. Un musical en directo. Unha comedia disparatada. Unha festa teatral para goce de todos os públicos. Vintesete anos despois coma se fose hoxe.

Aquí vos deixamos unha mostra fotográfica do que foi a noite do sábado, grazas os compañeiros de Prolight Estudio Fotográfico.